Control de acceso

A Lei 10/2017, do 27 de  decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, establece que os establecementos abertos ao público, os espectáculos públicos e as actividades recreativas que dispoñan de servizo de control de acceso deberán contar con persoal habilitado, de conformidade co disposto na normativa reguladora da actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Así mesmo, a  lei tamén dispón que o persoal de control de acceso, baixo a directa dependencia dos/ as titulares ou dos/ as organizadores/ as, encargarase das funcións de admisión e control de permanencia do público nos espectáculos públicos, nas actividades recreativas e nos establecementos abertos ao público. Asumirá as funcións que ten establecidas na normativa autonómica aplicable e cantas outras deriven da normativa específica sobre admisión e control de acceso, sen que en ningún caso poida desenvolver as funcións do servizo de vixilancia e seguridade.

A Xunta de Galicia, mediante o Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, estableceu a regulación da actividade de control de acceso nos espectáculos públicos e nas actividades recreativas que dispoñan do devandito servizo, así como os criterios da habilitación e as funcións do persoal de control de acceso a establecementos de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Segundo establece a norma mencionada, para desenvolver a función de control de acceso deberá contarse coa habilitación da Dirección  Xeral de  Emerxencias e Interior, despois da obtención do certificado acreditativo de superar as probas previstas no  artigo 5 do referido decreto –un test psicolóxico e un test de coñecemento sobre as materias relacionadas coas funcións propias da súa actividade−, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Mediante o Decreto 75/2015, do 21 de maio, polo que se modifica o Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, dáselle unha nova redacción ao  artículo 7 que regula a renovación da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, da seguinte maneira:

  • Suprímese a esixencia de superar a proba consistente na realización dun test de coñecemento sobre as materias relacionadas coas funcións propias deste persoal (incluída a acreditación do coñecemento básico de galego e castelán).
  • Mantense a necesidade de superación dun test psicolóxico.

A citada Lei 10/2017  tipifica como infracción grave (Artigo 33. h) o incumprimento por parte da persoa titular do establecemento aberto ao público ou por parte do/a organizador/a de o espectáculo público ou da actividade recreativa da obrigación de contar con persoal habilitado encargado do control de acceso en caso de dispoñer de servizo de control de acceso.

A AGASP publicará no Diario Oficial de Galicia, polo menos, unha convocatoria anual das probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2018 pola que se convocan probas para a renovación da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas ( DOG 03/05/2018).

Cursos relacionados

0 resultados obtidos para a busca de... Control de acceso

Instagram

Material
multimedia