
A Academia Galega de Seguridade foi creada en 1992, sendo un organismo autónomo de carácter administrativo, cuxa finalidade era a de desenvolver actividades formativas destinadas á formación profesional dos corpos de policía local dos concellos de Galicia. Cumpríase así o mandato constitucional (art. 148.1.22º) que prevé a asunción de competencias en materia de policías locais polas comunidades autónomas.
A Lei de creación da Academia (Lei 4/1992, do 9 de abril) brindaba a oportunidade de ofrecer formación aos corpos de bombeiros dos diferentes concellos galegos así como ao voluntariado para tarefas de extinción e prevención de incendios e Protección Civil, en función dos diferentes convenios de colaboración
O traspaso de competencias dos medios persoais ao servizo da Administración de Xustiza (mediante Real Decreto 2397/1996 do 22 de novembro) deu lugar á necesidade de abordar a formación doutro colectivo: O persoal dos corpos nacionais de médicos forenses, de funcionarios de xestión e tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial que estivese destinado nos órganos da Administración de Xustiza en Galicia, tendo en conta a especialidade do traballo que realizan. Isto motivou a creación dun órgano específico responsable da formación dentro da nosa comunidade autónoma.
Anos máis tarde, en 2005, considerouse que era necesario reunir no mesmo organismo a todas as actividades relacionadas coa formación e especialización do persoal dedicado aos ámbitos da Xustiza e seguridade, ademais da investigación e divulgación nestes campos. Deste xeito, a partir da Lei 1/2005 do 4 de xaneiro, creouse o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ( CEXESGA). Este organismo autónomo de carácter administrativo realizaba agora as funcións de formación e perfeccionamento do persoal da Administración de Xustiza transferido á Xunta de Galicia. Ademais proseguiría coas funcións realizadas pola Academia Galega de Seguridade en canto aos aspectos formativos do persoal das policías autonómicas e locais, así como os corpos de bombeiros e voluntarios de Protección Civil
Ao cabo de certo tempo constatouse que CEXESGA estaba a asumir moitas máis competencias das que realmente podía administrar, e considerouse pouco apropiado mesturar dentro dun organismo educativo e investigador as actividades dirixidas a funcionarios de Xustiza e as dirixidas aos corpos de seguridade. Por este motivo relegouse a formación do persoal xudicial ao centro encargado da formación funcionarial e mantívose a academia para a instrución dos xestores da seguridade pública, coa ampliación de novos colectivos aos que incluír para a súa formación.
A partir da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, creouse a Academia Galega de Seguridade Pública ( Agasp) como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito orgánicamente á Consellería competente en materia de interior e xustiza
Para o cumprimento dos seus fins a Academia Galega de Seguridade Pública goza de personalidade xurídica propia, autonomía funcional e plena capacidade de obrar. Dispón de patrimonio propio e rexerase por medio de Lei e, de forma supletoria, polas demais normas que lle sexan de aplicación de acordo coa súa natureza xurídica.
A Academia Galega de Seguridade Pública cumpre as seguintes funcións:
1. No ámbito da formación xudicial e penal e da seguridade privada:
Organizar e realizar nas materias de seguridade pública, en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e os ministerios competentes en materia de xustiza e interior, así como con outros organismos, universidades ou centros de investigación, actividades dirixidas á formación de xuíces e fiscais, dos funcionarios de institucións penais e dos traballadores da seguridade privada, a través da celebración dos oportunos convenios.
2. No ámbito da formación policial:
- Elaborar os programas formativos e impartir os cursos dirixidos ao ingreso e promoción interna nas distintas escalas dos corpos da policía de Galicia e das policías locais, así como a súa formación continua, perfeccionamento e especialización.
- Colaborar coas administracións competentes na selección do persoal dos corpos da policía de Galicia e das policías locais.
- Facilitar aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos das policías locais
3. No ámbito da formación de protección civil, bombeiros e axentes forestais:
- Elaborar os programas formativos e impartir os cursos de formación e perfeccionamento dirixidos aos integrantes dos servizos de protección civil e aos membros dos corpos de bombeiros das entidades locais coas que se formalice o correspondente convenio de colaboración.
- Impartir os cursos dirixidos aos axentes forestais
- Colaborar coas entidades locais na selección e formación continua do persoal integrante dos corpos de bombeiros e de protección civil.
- Facilitar aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos de bombeiros e protección civil, celebrándose os convenios oportunos.
Son tamén funcións da Academia Galega de Seguridade Pública nas materias que lle son propias:
- Investigar, estudar e divulgar contidos, técnicas e documentación, con especial referencia á realidade galega
- Promover relacións de intercambio e colaboración coas universidades e institucións de Galicia, así como con outros centros docentes e investigadores de ámbito autonómico, estatal ou internacional.
- Homologar, cando cumpra, os títulos correspondentes aos cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros.
- Calquera outras que lle poidan ser atribuídas polas normas, de conformidade coa súa natureza.
NOVO HORIZONTE FORMATIVO DESDE 2015:
Desde finais do ano 2015, a Academia impulsou un novo horizonte formativo ampliando principalmente a entrada de novos colectivos e asumindo novas competencias ligadas aos seus fins, supoñendo nalgúns casos a consecución de fitos históricos:
NO ÁMBITO DA SEGURIDADE:
- CONVENIO CO MINISTERIO DO INTERIOR PARA FORMAR:
- Á POLICÍA NACIONAL
- Á GARDA CIVIL
O 16 de novembro de 2015 publicábase no Boletín Oficial do Estado a Resolución do 4 de novembro de 2015, da Secretaría Xeral Técnica do Ministerio do Interior, na que se facía público o Convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a colaboración en materia de formación e actualización do persoal dos Corpos de Seguridade do Estado destinados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Desta forma, a Academia ampla a formación, ademais da os colectivos históricos como a Policía Local e a policía autonómica (UPA), á Policía Nacional e Garda Civil que exercen as súas funcións na Comunidade Autónoma de Galicia en todas aquelas actividades que de mutuo acordo desexan realizar.
Con este convenio complétase a formación dos colectivos que compoñen as Forzas e Corpos de Seguridade.
- A AGASP REGULA E REALIZA OS PROCESOS CENTRALIZADOS DE SELECCIÓN DA POLICÍA LOCAL E OS AUXILIARES DE POLICÍA LOCAL
O 4 de novembro de 2017, publicouse no Diario Oficial de Galicia, o Decreto da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de Policía Local, vixiantes municipais e auxiliares de Policía Local.
Estes novos horizontes formativos e competenciais supoñen un fito histórico dado que significan:
- Por unha banda completar o ámbito formativo de todos os Corpos e Forzas de Seguridade presentes na CCAA.
- Por outra banda, completar totalmente o circuíto da Policía Local ao asumir mediante delegación voluntaria os procesos de selección unitarios da Policía Local, de maneira que desde o acceso, pasando polo curso selectivo ata a formación continua todo o proceso centralízase na Agasp.
NO ÁMBITO DAS EMERXENCIAS
No ámbito das emerxencias, cabe destacar que a Academia, desde o ano 2015 imparte formación regrada mediante a implantación do título de Formación Profesional de Técnico en Emerxencias.
NO ÁMBITO XUDICIAL
No ámbito xudicial, a Agasp recuperou a formación en materia xudicial:
- XUÍCES E MAXISTRADOS.
Desde 2015, a Xunta de Galicia asina anualmente un Convenio de Colaboración en materia de formación continuada de xuíces e maxistrados co Consello Xeral do Poder Xudicial.
Dentro do mencionado convenio recóllense diversas actividades formativas para xuíces e maxistrados que se realizan na Agasp.
- FISCAIS, LETRADOS DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA, AVOGADOS DO ESTADO, MÉDICOS FORENSES.
No ano 2018, a Academia Galega de Seguridade Pública firma un Convenio marco entre o Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza e a Academia Galega de Seguridade Pública en materia de formación de fiscais, letrados da Administración de Xustiza, médicos forenses e avogados do Estado.
A partir de 2018 a Agasp, en colaboración co CEJ, impartirá formación específica para fiscais, letrados da Administración de Xustiza, médicos forenses e avogados do Estado.