Órganos de goberno e administración

Os órganos de goberno e administración da Academia Galega de Seguridade Pública son:

  1. O consello reitor.
  2. O/A director/a xeral.

Consello reitor:

Composición do consello reitor

O Consello reitor da Academia Galega de Seguridade Pública está formado por un presidente, un vicepresidente, oito vogais e un secretario.

  1. Presidente: a persoa titular da consellería competente en materia de interior e xustiza.
  2. Vicepresidente: o/a director/a xeral da Academia Galega de Seguridade Pública.
  3. Vocais:
    1. Dúas persoas titulares de subdireccións da dirección xeral competente en materia de emerxencias e interior.
    2. Un representante da consellería competente en materia de facenda.
    3. A persoa titular da Dirección da Escola Galega de Administración Pública.
    4. Un representante do departamento competente en materia de menores.
    5. Tres vocais designados pola Presidencia do Consello reitor entre persoas expertas e de prestixio en materia de seguridade pública.
    6. Un representante dos concellos de Galicia, designado pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

     

    A condición de vocal representante dos concellos estará vinculada á representatividade posuída e se perderá ao desaparecer esta.

     

  4. A titularidade da Secretaría do Consello reitor corresponde á persoa que este designe e nomee, de conformidade co artigo 64.3.e) da Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamiento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Funcións do Consello reitor

  1. O Consello reitor da Academia Galega de Seguridade Pública é o órgano colexiado de control, planificación e supervisión xeral da actividade do centro.
  2. O Consello reitor debe coñecer e aprobar:
    1. As directrices xerais de actuación do organismo.
    2. O plan anual de actividades.
    3. A memoria das actividades do exercicio anterior.
    4. O regulamento de réxime interior.
    5. Os programas mínimos para o ingreso, a formación e a promoción interna ás distintas escalas dos corpos da policía de Galicia e das policías locais.
    6. O anteproxecto do orzamento anual da academia e as súas contas.
  3. O consello reitor debe coñecer e emitir informe sobre:
    1. Aquelas normas relativas ás disposicións e actos que afecten as funcións que a academia ten encomendadas na presente lei.
    2. Os asuntos que o presidente do consello reitor ou o director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública sometan á súa consideración.
  4. O consello reitor debe ser informado de:
    1. A estrutura orgánica e o persoal da academia.
    2. Os convenios de colaboración e cooperación subscritos polo seu presidente.
    3. Os baremos reguladores das remuneracións das actividades docentes no caso do persoal colaborador a que se refire o artigo 15.2.º.

Funcionamento

  1. O funcionamento do consello reitor axustarase ao disposto na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común, título II, capítulo II, sobre órganos colexiados.
  2. O consello reitor reunirase como mínimo unha vez cada ano, e en calquera caso sempre que sexa convocado polo presidente ou sexa solicitado por unha terceira parte dos seus membros.
  3. O presidente do consello reitor ou o director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública poderán convocar a técnicos ou especialistas ás reunións para asesoramento.

Dirección xeral

A Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública será exercida, por razón de cargo, pola persona titular da dirección xeral con competencias en materia de emerxencias e interior.

Secretaría Xeral:

Baixo a dependencia do director xeral da Academia haberá un secretario xeral.

Funcións da Dirección Xeral:

Corresponde ao director/a xeral da Academia Galega de Seguridade Pública:

  1. Ostentar a representación ordinaria do organismo.
  2. Executar os acordos do consello reitor.
  3. Elaborar o anteproxecto de orzamento anual, que será posto en coñecemento do consello reitor.
  4. Propoñer ao consello reitor o plan anual de actividades.
  5. Elaborar o regulamento de réxime interior.
  6. Dirixir a xestión orzamentaria, autorizar e dispoñer os gastos e ordenar os pagos.
  7. Dirixir os servizos administrativos e exercer a xefatura de persoal da Academia Galega de Seguridade Pública de Galicia.
  8. Preparar a memoria de actividades para sometela ao consello reitor.
  9. Expedir diplomas e certificados.
  10. Homologar, cando cumpra, os títulos correspondentes aos cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros.
  11. As funcións que poida delegarlle o consello reitor ou o presidente do mesmo e aqueloutras competencias que, correspondendo á Academia Galega de Seguridade Pública, non se atopen atribuídas legal ou regulamentariamente a outro órgano desta.