Preguntas frecuentes

  Como podo solicitar un curso?
  Cal é o prazo de presentación de solicitudes?
  Cales son os criterios de selección?
  Como podo obter o certificado de asistencia e/ou aproveitamento?
  Onde está a AGASP?

 

Como podo solicitar un curso?

  1. Os/as candidatos/as que aspiren a participar en algún dos cursos convocados deberán presentar a solicitude no modelo normalizado que figura na páxina web da AGASP (http://agasp.xunta.es/). Non se admitirá ningún outra forma nin modelo de solicitude.
  2. Deberanse cubrir todos os apartados para unha axeitada xestión da formación, así como verificar que os datos de contacto son os correctos, dado que calquera comunicación desde a Academia realizarase conforme aos datos aportados na solicitude.
  3. Será necesario consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil ou correo electrónico a fin de poder realizar as notificacións necesarias. En todo caso, cando se trate dunha actividade de teleformación será obrigatorio incluír o enderezo de correo electrónico.
  4. Aquelas persoas que teñan dificultades técnicas para realizar a inscrición a través da internet, poderán dirixirse á AGASP a través do correo electrónico ou do teléfono que se facilite en cada convocatoria.
  5. Os/as solicitantes declararán que son certos os datos que figuran na solicitude, o que se poderá requirir documentalmente. Ademais o/a solicitante autorizará á AGASP a recabar cantos datos sexan necesarios, para verificar a información incluída na solicitude. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso nos 12 meses seguintes.
  6. O/a solicitante deberá enviar, de ser o caso, á Academia Galega de Seguridade Pública, Avda. da Cultura, s/n. 36680 A Estrada ou ao número de Fax que se estableza na convocatoria, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada, acreditativa dalgunha das seguintes situacións:
    1. Persoas que se atopen afectados por unha discapacidade, debidamente acreditada, para a cal o grado de minusvalía sexa igual o superior ao 33%, podendo indicar así mesmo as adaptacións que consideren necesarias. Na selección de participantes valorarase como criterio de selección unha discapacidade para a cal o grado de minusvalía sexa igual ou superior ao 33%.
    2. Profesionais que estean disfrutando ou disfrutaran, nos últimos dous anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, para ser valorada na selección dos participantes.
  7. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo das persoas solicitantes.
  8. Os/as aspirantes poderán imprimir unha copia do formulario de inscrición enviado telemáticamente con fin de poder acreditar o envío da solicitude ante posibles incidencias.
  9. Cubrir os datos da solicitude e enviala telemáticamente non implicará a admisión inmediata á actividade formativa seleccionada, que se producirá nos termos indicados no punto sexto.

 

Cal é o prazo de presentación de solicitudes?

  1. Con carácter xeral, o prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación da actividade formativa no Diario Oficial de Galicia, salvo que na respectiva convocatoria se indique outro prazo.
  2. Desestimaranse as solicitudes recibidas con posterioridade.

 

Cales son os criterios de selección?

Os criterios selectivos con carácter xeral son os que a seguir se relacionan sen prexuízo de que na convocatoria se poidan establecer outros:

  1. Cumprir os requisitos para ser destinatario/a, tal e como se recolle na convocatoria de cada actividade.
  2. Unha vez aplicado o criterio anterior, de existir máis candidatos/as que prazas, terán preferencia os/as aspirantes que realicen tarefas ou funcións directamente relacionadas coa materia obxecto do curso.
  3. En caso de empate, terán prioridade os/as solicitantes con menor número de cursos realizados na AGASP nos dous últimos anos.
  4. Por último, de persistir os empates, resolverase por orde de inscrición.

En cada un dos tres puntos anteriores, terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean disfrutando ou disfrutaran, nos últimos dous anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para ser destinatario/a da actividade.

Nos cursos reservarase unha cota non inferior ao 5% para ser cuberta por persoas discapacitadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, sempre que poidan acreditalo e cumpran os requisitos obxectivos para ser destinatario/a da actividade.

As persoas con discapacidade admitidas poderán solicitar á AGASP a alteración da orde de prelación para seleccionaren localidade no caso de que se organicen varias edicións por motivos de dependencia persoal, dificultade de desprazamento ou outras análogas que deberán ser debidamente acreditadas.

Ademais, e de conformidade co disposto no artigo 37 bis da Lei 7/2004, galega para a igualdade de mulleres e homes, engadido pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, na súa disposición adicional 1ª, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega reservarase un cincuenta por cento das prazas a mulleres que reúnan os requisitos esixidos na convocatoria.

Poderán recollerse nas correspondentes convocatorias outras circunstancias que determinarán a selección.


 

Como podo obter o certificado de asistencia e/ou aproveitamento?

  1. Na modalidade presencial, logo da finalización da acción formativa, expedirase pola AGASP certificados de asistencia ou aproveitamento atendendo aos seguintes casos:
    1. Cando se trate dos cursos que esixan a realización dalgunha proba de avaliación, o alumnado que, reunindo o requisito de asistencia, resulte apto, recibirá un diploma acreditativo da superación dos estudos seguidos. Aos/ás alumnos/as non aptos/as non se lles expedirá diploma.
    2. Nas actividades formativas que non teñan proba de avaliación, só se expedirá o diploma de asistencia aos alumnos que reúnan o requisito mínimo de asistencia esixido.

En ambos os dous casos unha inasistencia superior ao 10 por 100 das horas lectivas programadas, calquera que sexa a súa causa, imposibilitará a expedición do diploma correspondente.

  1.  Na modalidade de teleformación, logo da finalización da acción formativa, expedirase pola AGASP un certificado de aproveitamento a aqueles/as alumnos/as que teñan completado todos os contidos didácticos do curso e superado todas as probas de avaliación.

 


 

Onde está a AGASP?

AGASP en Google Maps.