Historia

edificio principal AGASP desde vista aérea

 

A Academia Galega de Seguridade foi creada en 1992, sendo un organismo autónomo de carácter administrativo, cuxa finalidade era a de desenvolver actividades formativas destinadas á formación profesional dos corpos de policía local dos concellos de Galicia. Cumpríase así o mandato constitucional (art. 148.1.22º) que prevé a asunción de competencias en materia de policías locais polas comunidades autónomas.

A Lei de creación da Academia (Lei 4/1992, do 9 de abril) brindaba a oportunidade de ofrecer formación aos corpos de bombeiros dos diferentes concellos galegos así como ao voluntariado para tarefas de extinción e prevención de incendios e Protección Civil, en función dos diferentes convenios de colaboración

O traspaso de competencias dos medios persoais ao servizo da Administración de Xustiza (mediante Real Decreto 2397/1996 do 22 de novembro) deu lugar á necesidade de abordar a formación doutro colectivo: O persoal dos corpos nacionais de médicos forenses, de funcionarios de xestión e tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial que estivese destinado nos órganos da Administración de Xustiza en Galicia, tendo en conta a especialidade do traballo que realizan. Isto motivou a creación dun órgano específico responsable da formación dentro da nosa comunidade autónoma.

Anos máis tarde, en 2005, considerouse que era necesario reunir no mesmo organismo a todas as actividades relacionadas coa formación e especialización do persoal dedicado aos ámbitos da Xustiza e seguridade, ademais da investigación e divulgación nestes campos. Deste xeito, a partir da Lei 1/2005 do 4 de xaneiro, creouse o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ( CEXESGA). Este organismo autónomo de carácter administrativo realizaba agora as funcións de formación e perfeccionamento do persoal da Administración de Xustiza transferido á Xunta de Galicia. Ademais proseguiría coas funcións realizadas pola Academia Galega de Seguridade en canto aos aspectos formativos do persoal das policías autonómicas e locais, así como os corpos de bombeiros e voluntarios de Protección Civil

Ao cabo de certo tempo constatouse que CEXESGA estaba a asumir moitas máis competencias das que realmente podía administrar, e considerouse pouco apropiado mesturar dentro dun organismo educativo e investigador as actividades dirixidas a funcionarios de Xustiza e as dirixidas aos corpos de seguridade. Por este motivo relegouse a formación do persoal xudicial ao centro encargado da formación funcionarial e mantívose a academia para a instrución dos xestores da seguridade pública, coa ampliación de novos colectivos aos que incluír para a súa formación.

A partir da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, creouse a Academia Galega de Seguridade Pública ( Agasp) como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito orgánicamente á Consellería competente en materia de interior e xustiza

Para o cumprimento dos seus fins a Academia Galega de Seguridade Pública goza de personalidade xurídica propia, autonomía funcional e plena capacidade de obrar. Dispón de patrimonio propio e rexerase por medio de Lei e, de forma supletoria, polas demais normas que lle sexan de aplicación de acordo coa súa natureza xurídica.

A Academia Galega de Seguridade Pública cumpre as seguintes funcións:

1. No ámbito da formación xudicial e penal e da seguridade privada:

Organizar e realizar nas materias de seguridade pública, en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e os ministerios competentes en materia de xustiza e interior, así como con outros organismos, universidades ou centros de investigación, actividades dirixidas á formación de xuíces e fiscais, dos funcionarios de institucións penais e dos traballadores da seguridade privada, a través da celebración dos oportunos convenios.

2. No ámbito da formación policial:

  1. Elaborar os programas formativos e impartir os cursos dirixidos ao ingreso e promoción interna nas distintas escalas dos corpos da policía de Galicia e das policías locais, así como a súa formación continua, perfeccionamento e especialización.
  2. Colaborar coas administracións competentes na selección do persoal dos corpos da policía de Galicia e das policías locais.
  3. Facilitar aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos das policías locais

3. No ámbito da formación de protección civil, bombeiros e axentes forestais:

  1. Elaborar os programas formativos e impartir os cursos de formación e perfeccionamento dirixidos aos integrantes dos servizos de protección civil e aos membros dos corpos de bombeiros das entidades locais coas que se formalice o correspondente convenio de colaboración.
  2. Impartir os cursos dirixidos aos axentes forestais
  3. Colaborar coas entidades locais na selección e formación continua do persoal integrante dos corpos de bombeiros e de protección civil.
  4. Facilitar aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos de bombeiros e protección civil, celebrándose os convenios oportunos.

Son tamén funcións da Academia Galega de Seguridade Pública nas materias que lle son propias:

  1. Investigar, estudar e divulgar contidos, técnicas e documentación, con especial referencia á realidade galega
  2. Promover relacións de intercambio e colaboración coas universidades e institucións de Galicia, así como con outros centros docentes e investigadores de ámbito autonómico, estatal ou internacional.
  3. Homologar, cando cumpra, os títulos correspondentes aos cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros.
  4. Calquera outras que lle poidan ser atribuídas polas normas, de conformidade coa súa natureza.

NOVO HORIZONTE FORMATIVO DESDE 2015:

Desde finais do ano 2015, a Academia impulsou un novo horizonte formativo ampliando principalmente a entrada de novos colectivos e asumindo novas competencias ligadas aos seus fins, supoñendo nalgúns casos a consecución de fitos históricos:

NO ÁMBITO DA SEGURIDADE:

  • CONVENIO CO MINISTERIO DO INTERIOR PARA FORMAR:
    • Á POLICÍA NACIONAL
    • Á GARDA CIVIL

 

O 16 de novembro de 2015 publicábase no Boletín Oficial do Estado a Resolución do 4 de novembro de 2015, da Secretaría Xeral Técnica do Ministerio do Interior, na que se facía público o Convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a colaboración en materia de formación e actualización do persoal dos Corpos de Seguridade do Estado destinados na Comunidade Autónoma de Galicia

Desta forma, a Academia ampla a formación, ademais da os colectivos históricos como a Policía Local e a policía autonómica (UPA), á Policía Nacional e Garda Civil que exercen as súas funcións na Comunidade Autónoma de Galicia en todas aquelas actividades que de mutuo acordo desexan realizar.

Con este convenio complétase a formación dos colectivos que compoñen as Forzas e Corpos de Seguridade.

  • A AGASP REGULA E REALIZA OS PROCESOS CENTRALIZADOS DE SELECCIÓN DA POLICÍA LOCAL E OS AUXILIARES DE POLICÍA LOCAL

O 4 de novembro de 2017, publicouse no Diario Oficial de Galicia, o Decreto da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de Policía Local, vixiantes municipais e auxiliares de Policía Local.

 

Estes novos horizontes formativos e competenciais supoñen un fito histórico dado que significan:

  • Por unha banda completar o ámbito formativo de todos os Corpos e Forzas de Seguridade presentes na CCAA.
  • Por outra banda, completar totalmente o circuíto da Policía Local ao asumir mediante delegación voluntaria os procesos de selección unitarios da Policía Local, de maneira que desde o acceso, pasando polo curso selectivo ata a formación continua todo o proceso centralízase na Agasp.

NO ÁMBITO DAS EMERXENCIAS

No ámbito das emerxencias, cabe destacar que a Academia, desde o ano 2015 imparte formación regrada mediante a implantación do título de Formación Profesional de Técnico en Emerxencias.

NO ÁMBITO XUDICIAL

No ámbito xudicial, a Agasp recuperou a formación en materia xudicial:

  • XUÍCES E MAXISTRADOS.

    Desde 2015, a Xunta de Galicia asina anualmente un Convenio de Colaboración en materia de formación continuada de xuíces e maxistrados co Consello Xeral do Poder Xudicial.

    Dentro do mencionado convenio recóllense diversas actividades formativas para xuíces e maxistrados que se realizan na Agasp.

  • FISCAIS, LETRADOS DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA, AVOGADOS DO ESTADO, MÉDICOS FORENSES.

    No ano 2018, a Academia Galega de Seguridade Pública firma un Convenio marco entre o Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza e a Academia Galega de Seguridade Pública en materia de formación de fiscais, letrados da Administración de Xustiza, médicos forenses e avogados do Estado.

    A partir de 2018 a Agasp, en colaboración co CEJ, impartirá formación específica para fiscais, letrados da Administración de Xustiza, médicos forenses e avogados do Estado.