
De conformidade co establecido na epígrafe primeira da Resolución do 5 de maio de 2022 pola que se fixan os criterios reguladores do curso de formación para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas durante o ano 2022, publícanse as próximas edicións do curso para a obtención da habilitación de persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, que se desenvolverán na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (Avda. da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).
Requisitos de participación
1. Estes cursos de formación van destinados ás persoas que pretendan realizar a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.
2. As persoas aspirantes deberán posuír, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos exixidos polo artigo 6 do Decreto 48/2021:
a) Ser maior de idade.
b) Ter a nacionalidade española ou dalgún dos países que integran a Unión Europea ou estar en posesión do permiso de residencia e traballo correspondentes.
c) Carecer de antecedentes penais.
d) Ter a aptitude psicolóxica necesaria acreditada consonte o que dispón o artigo 8.4 do Decreto 48/2021.
Presentación de solicitudes e prazo:
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https:sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
O prazo para a presentación da devandita solicitude, vinculada co procedemento PR471A, abrirase ao día seguinte de que se publique a presente resolución no DOG ata o día 2 de xaneiro de 2023 (o modelo de solicitude figura como anexo a esta resolución (anexo I).
Cando se acade un número mínimo de 20 solicitudes, a Agasp programará a súa realización e publicará na súa páxina web a listaxe de persoas admitidas e as excluídas en cada edición que se realice, e ademais, as persoas interesadas recibirán un correo electrónico e un sms, indicándolles toda a información relativa ao curso (data de realización e horario).
Documentación complementaria
Documentación complementaria necesaria para solicitar a inscrición no curso.
As persoas interesadas na realización do curso de formación deberán achegar coa solicitude o certificado de aptitude psicolóxica.
Este certificado poderá ser expedido por un centro médico-psicotécnico debidamente autorizado consonte o disposto no Real decreto 170/2010, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de centros de recoñecemento destinados a verificar as aptitudes psicofísicas dos condutores ou por persoal colexiado coa titulación de Psicoloxía ou Medicina.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Lugar, desenvolvemento e duración da realización do curso ao longo do ano 2022
O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (avda. da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra) e o horario das clases será das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 17.30 horas.
Ao remate farase un exame de coñecementos que consistirá nun test de 20 preguntas. Para obter os 5 puntos será necesario responder correctamente 10 preguntas. As respostas erróneas non descontarán para o cómputo total das correctas. A persoa encargada da dirección do curso será a responsable da súa avaliación e de expedir a acreditación de telo superado.
Cando o número de solicitudes sexa inferior a 20, suspenderase a realización do curso e os aspirantes serán inscritos na edición seguinte.
As persoas seleccionadas que non se presenten ao curso sen causa xustificada serán penalizadas e non poderán volver solicitar a inscrición nun prazo de 90 días.
Duración e temario: o curso ten unha duración de 6 horas, para superalo, será necesario asistir á totalidade das horas lectivas e obter unha nota mínima de 5 puntos no exame de coñecementos sobre as materias que a continuación se relacionan (pode descargar o temario premendo neste enlace):
- Aspectos básicos da normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas.
- Aspectos básicos da normativa de xogo.
- Dereitos e deberes das persoas espectadoras e usuarias. Dereitos fundamentais.
- Dereito de admisión.
- Medidas de seguridade nos establecementos abertos ao público e normativa de autoprotección.
- Normativa sobre horarios dos establecementos abertos ao público, dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
- Réxime xurídico das persoas menores de idade.
- Aspectos básicos da normativa en materia de igualdade.
- Conceptos básicos de primeiros auxilios.
- Protocolo que se deberá seguir en situacións de perigo.
- Técnicas básicas de autocontrol en situacións de extrema necesidade.