Convocatoria de cursos de formación para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas

venres, 25 Xuño, 2021

ANUNCIO do 16 de xuño de 2021 polo que se lles informa ás persoas interesadas na obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas da convocatoria de cursos para obtención da acreditación de control de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público (códigos de procedemento PR471A e PR472A)

Resolución do 14 de xuño de 2021 pola que se convocan 4 edicións do curso de formación para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (códigos do procedemento PR471A e PR472A)

Requisitos de participación
1. Este curso de formación vai destinado ás persoas que pretendan realizar a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.
2. Para poder ser admitido/a no curso de formación será necesario presentar unha solicitude no prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública.
3. As persoas aspirantes deberán posuír, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes prevista nesta convocatoria, os seguintes requisitos exixidos polo artigo 6 do Decreto 48/2021:
a) Ser maior de idade.
b) Ter a nacionalidade española ou dalgún dos países que integran a Unión Europea ou estar en posesión do permiso de residencia e traballo correspondentes.
c) Carecer de antecedentes penais.
d) Ter a aptitude psicolóxica necesaria acreditada consonte o que dispón o artigo 8.4 do Decreto 48/2021.

Prazo de presentación de solicitudes:

O prazo para a presentación de solicitudes é de 10 días hábiles a contar desde o día seguinte ao da publicación no DOG do anuncio de convocatoria: do 28 de xuño ao 9 de xullo de 2021

Lugar de presentación de solicitudes
As solicitudes do procedemento PR471A presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Datas, horario, duración, desenvolvemento e lugar de realización do curso
1. Datas:
       1ª edición:.30 de xuño
       2ª edición:.7 de xullo
       3ª edición:.14 de xullo
       4ª edición:.21 de xullo
2. Horario: de 10.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 17.30 horas.
3. Duración e temario: o curso consta de 6 horas, para superalo, será necesario asistir á totalidade das horas lectivas e obter unha nota mínima de 5 puntos no exame de coñecementos sobre as materias que a continuación se relacionan (pode descargar o temario premendo neste enlace):

  1. Aspectos básicos da normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas.
  2. Aspectos básicos da normativa de xogo.
  3. Dereitos e deberes das persoas espectadoras e usuarias. Dereitos fundamentais.
  4. Dereito de admisión.
  5. Medidas de seguridade nos establecementos abertos ao público e normativa de autoprotección.
  6. Normativa sobre horarios dos establecementos abertos ao público, dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
  7. Réxime xurídico das persoas menores de idade.
  8. Aspectos básicos da normativa en materia de igualdade.
  9. Conceptos básicos de primeiros auxilios.
  10. Protocolo que se deberá seguir en situacións de perigo.
  11. Técnicas básicas de autocontrol en situacións de extrema necesidade.