A escala de axentes técnicos en xestión medioambiental, regulada na Lei 2/2015, de 29 de abril de emprego público de Galicia, recolle as anteriores escalas de axentes forestais a escala de axentes técnicos facultativos ambientais e enlaza co corpo de gardería forestal do Estado como corpo especializado na custodia dos montes e da riqueza cinexética a eles vinculada, na que teñen unha longa tradición de preto de cen anos, así como da riqueza piscícola de augas continentais e a conservación da natureza. De feito, o persoal da escala de axentes forestais está composto tanto por persoal propio desta Administración como polo transferido do devanditos corpo e escala da Administración do Estado, na que estaban regulados por unha normativa específica por motivo das peculiaridades dos servizos que ten encomendados, algúns deles considerados esenciais para a comunidade.
As funcións de axentes técnicos en xestión medioambiental son de execución, colaboración e apoio aos corpos facultativos de grao superior e medio, así como a dirección e o control directo do persoal ao seu cargo, e en particular:
- A xestión pública forestal e a policía e custodia dos bens xurídicos de natureza forestal.
- A custodia e protección dos ecosistemas naturais, controlando as actividades relacionadas coa utilización e aproveitamentos de recursos naturais.
- A participación nas tarefas de defensa e prevención dos incendios forestais e calquera outra causa que ameace os ecosistemas.
- A custodia e protección dos espazos naturais, da riqueza cinexética e piscícola e da flora e fauna silvestres.
- A execución e coordinación de traballos e a adopción das medidas que se precisen para a prestación dos servizos de custodia e protección da riqueza forestal e ambiental.
- A participación en actividades de divulgación e extensión forestal e en accións de fomento forestal que leven a cabo para a xestión sustentable e multifuncional do monte.
- Calquera outras funcións que se lle encomenden regulamentariamente en relación á xestión e tutela dos recursos naturais renovables e coa conservación do medio ambiente.