Fins e competencias

FINALIDADE DA ACADEMIA

A Academia Galega de Seguridade Pública orientará a súa actuación a:

  1. Enriquecer o capital humano dos servizos de seguridade pública mediante a súa capacitación a través da formación, a innovación e a excelencia.
  2. Comprometerse a xerar e transferir as bases de coñecemento para a mellora das políticas en materia de seguridade pública.
  3. Impulsar a calidade nos servizos de seguridade pública para unha mellor atención ao cidadán e maior satisfacción dos seus xestores.

Medidas de fomento:

  1. Para a consecución dos seus fins, a Academia Galega de Seguridade Pública poderá convocar e outorgar bolsas, axudas e premios, así como levar a cabo outras medidas de fomento dirixidas a favorecer a investigación, facilitar a incorporación de mulleres aos corpos de seguridade e obter unha adecuada formación e innovación dos servizos galegos de seguridade pública.
  2. Para os efectos das disposicións vixentes, a Academia Galega de Seguridade Pública ten o carácter de centro oficial de investigación.

FUNCIÓNS DA ACADEMIA

Formativas:

As funcións formativas da Academia Galega de Seguridade Pública son as seguintes:

  1. No ámbito da formación xudicial e penal e da seguridade privada:

    Organizar e realizar nas materias de seguridade pública, en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e os ministerios competentes en materia de xustiza e interior, así como con outros organismos, universidades ou centros de investigación, actividades dirixidas á formación de xuíces e fiscais, dos funcionarios de institucións penais e dos traballadores da seguridade privada, a través da celebración dos oportunos convenios.

  2. No ámbito da formación policial:
    1. Elaborar os programas formativos e impartir os cursos dirixidos ao ingreso e promoción interna nas distintas escalas dos corpos da policía de Galicia e das policías locais, así como a súa formación continua, perfeccionamento e especialización.
    2. Colaborar coas administracións competentes na selección do persoal dos corpos da policía de Galicia e das policías locais.
    3. Facilitar aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos das policías locais.
  3. No ámbito da formación de protección civil, bombeiros e axentes forestais:
    1. Elaborar os programas formativos e impartir os cursos de formación e perfeccionamento dirixidos aos integrantes dos servizos de protección civil e aos membros dos corpos de bombeiros das entidades locais coas que se formalice o correspondente convenio de colaboración.
    2. Impartir os cursos dirixidos aos axentes forestais.
    3. Colaborar coas entidades locais na selección e formación continua do persoal integrante dos corpos de bombeiros e de protección civil.
    4. Facilitar aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos de bombeiros e protección civil, celebrándose os convenios oportunos.

Outras funcións da Academia

Son tamén funcións da Academia Galega de Seguridade Pública nas materias que lle son propias:

  1. Investigar, estudar e divulgar contidos, técnicas e documentación, con especial referencia á realidade galega.
  2. Promover relacións de intercambio e colaboración coas universidades e institucións de Galicia, así como con outros centros docentes e investigadores de ámbito autonómico, estatal ou internacional.
  3. Homologar, cando cumpra, os títulos correspondentes aos cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros.
  4. Calquera outras que lle poidan ser atribuídas polas normas, de conformidade coa súa natureza.